on Abr 29th, 2010Oliver Laxe e o profesor pelícano
Nestes días, os que amamos o cinema como medio de expresión artística estamos de noraboa, pois un dos “nosos” será o único representante español no Festival de Cannes. Afortunadamente estase a falar cada dia mais de Oliver Laxe. Na prensa galega e mesmo na española. Xa o sabedes todos: o seu filme Todos vós sodes capitáns, así, escrito en galego, figura no programa oficial dunha das citas mais importantes do cinema mundial emerxente. Non está nada mal en tempos de sombra para o idioma e a cultura do pais. Iso si que é a materialización dun tópico conceptual habitualmente falto de contido das “nosas” desnortadas empresas e institucións: a petulante “internacionalización do audiovisual galego”, cando o único que nos faría falla serían catro Oliver mais.
Coñecín a Oliver en xullo do 2006, nun descanso do Seminario “Cine e nación”, celebrado en Compostela, ao que viñera dende París como simple estudante. E dende aquel café que compartimos, sempre mantiven confianza cega no seu indubidable talento, que foi confirmado posteriormente tras sucesivas interaccións coa súa bonhomía, intelixencia, e -por qué non dicilo- capacidade de sedución, ata o día de hoxe. Martín Pawley mais eu, puxeramos en primicia un par de secuencias da súa longametraxe no Culturgal 2009 e quedei namorado ao instante, desta pequena obra mestra con tantas e variadas capas de lectura a análise; algunhas delas xa apuntadas e de seguro que moitas novas agromarán en días vindeiros. Este filme dará moito que falar porque nel asistimos en directo ao nacemento dun grande cineasta..
Todos vós sodes capitáns bateume o corazón especialmente porque xoga cun dos meus temas favoritos ou leiv-motiv vitais e descoñezo si foi rexistrado algunha vez na historia do cinema. O xénero “cine no cine” amosa magníficos exemplos en case todas as cinematografías, pero moi poucos ou ningún, no que o núcleo do relato sexa o propio proceso de aprendizaxe e formación audiovisual dun grupo de rapaces (europeos, africanos ou americanos) . A organización de estratexias formativas de cara á formación audiovisual foi sempre un asunto moi debatido, practicamente dende o inicio do cinema. Existe abondosa bibliografía e teorías moi diversas sobre a necesidade, oportunidade e as metodoloxías didácticas mais atinadas para a introdución do audiovisual na infancia e mocidade. A meirande parte dos expertos coinciden na oportunidade da frase de Ortega “sabemos que é un martelo polas marteladas”. A aprendizaxe e decodificación da linguaxe audiovisual debería basearse especialmente pola catalización da mirada libre dos alumnos, por estimular o pracer da filmación e o rexistro, único xeito eficaz de aprender e motivar -non como se fai nese desfasado e inútil programa do Consorcio “Audiovisual nas aulas” que non serve absolutamente para nada (en realidade serve para unha soa cousa, que calarei nesta ocasión).
O filme de Oliver remitiume inmediatamente á lembranza dunha muller -que cheguei a coñecer persoalmente- que adicou gran parte da súa vida á investigación dos procesos de aprendizaxe e interación de nenos e xoves do mundo enteiro en obradoiros e experiencias da pegadoxía da imaxe. Estoume a referir a Monique Martineu, ex directora do prestixioso Institut National de la Recherche Pedagogique, ademais de fundadora, xunto co seu home Guy Hennebelle, da revista militante CinemAction . Ao longo de varios anos, Monique Martineu realizou unha rigorosa pescuda sobre as experiencias de aprendizaxe audiovisual ou obradoiros de imaxe por todo planeta. Unha indagación global, exhaustiva e rigorosa, que sustenta a súa tese de doutoramento. Os seus libros Graine de cineastes, Des jeunes à la caméra, ou L’enseignement du cinéma et de l’audiovisuel dans l’Europe des douze foron para min libros sagrados, de referenza e consulta obrigatoria na década dos 80 e 90 para desenvolver diversas experiencias de formación audiovisual en Galicia como “Vídeo na escola” (1984) , a posta en marcha da Escola de Imaxe e Son (1991-1998) e algunhas das liñas de traballo dos sucesivos Congresos Internacionais de Pedagoxía da imaxe “Pe de Imaxe (92-98) . De feito, moitas das súas conclusións e suxestións aínda resultan moi aproveitábeis na era dixital.
Monique Martineau, apaixoada abandeirada da práctica fílmica como estratexia fundamental de aprendizaxe, identifica dúas tipoloxías de profesores que imparten obradoiros ou procesos prácticos de formación en imaxe e son: Os profesores “pelícano” e os profesores “vampiro”. A investigadora francesa sostén que lamentablemente o profesor vampiro é o mais abondoso nos obradoiros de imaxe . O profesor vampiro, as veces cineasta frustrado, utiliza aos alumnos para realizar a “súa” pelicula nalgunha fase do proceso– por outra banda, costume habitual en ámbitos universitarios-. A mirada do filme é a do profesor, quen non “pode evitar” a apropiación do discurso dos seus alumnos como fai o vampiro coa sangue fresca. Pola contra, Monique defende con vehemencia e numerosos argumentos a figura ou metodoloxía de traballo do profesor pelícano: un simple favorecedor, catalizador e estimulador da mirada propia dos seus alumnos: dálle acubillo, agarimo, consellos, suxestións e sustento.. pero son os alumnos os que rexistran e transmiten a súa mirada, moitas veces imperfecta, incorrecta e difusa, do mundo, do acontecer ou da súa propia realidade. Mesmo o profesor corre o risco de “valeirarse da súa propia substancia”. Está é unha das capas entre as moitas lecturas posibeis do filme de Oliver: un storyline sinxelo e complexo ao tempo: a transformación dun profesor “vampiro” en profesor “pelicano” con todo o que ise proceso implica. Estou certo que Monique Martineau, grande admiradora e coñecedora da cultura e cinema árabes, quedaría fascinada por este filme magnético e fresco, mestura máxica de realidade e ficción, con momentos sublimes e divertidos, zumegando arrecendos de grandes cineastas que amamos. Do que si estou convencido é que Monique nomearía Xeneral de División a Oliver, o profesor pelicano que foi valente de mais para poñerse ao fronte dos seus “capitáns”….







